Toma de posesión de académico correspondente do Dr. Diego Conde na Real Academia de Medicina de Galicia

Na súa sede da rúa Durán Loriga da Coruña, a Real Academia de Medicina de Galicia celebrou onte día 7/05/2026, o acto de ingreso de Diego Conde Gómez como Académico Correspondente. Pablo Díez Baños, académico numerario titular do sillón de Veterinaria, foi o encargado de acompañalo e presentalo na sesión. O discurso co que o novo académico tomou posesión levou por título "Hygia pecoris, salus populi: el Homo sapiens, un paciente más en la Veterinaria del siglo XXI", e nel defendeu que a veterinaria debe ocupar un lugar central na saúde pública actual, lonxe de calquera papel secundario ou auxiliar.

Na súa ponencia de ingreso, defendeu uhna maior presencia da veterinaria no One Health e colocou o ser humano como paciente oprincipal dunha veterinaria chamada a reforzar o seu papel perante as zoonosis, a seguridade alimentaria e os riscos sanitarios do século XXI.

O Dr.D.Pablo Díez Baños, foi o encargado de introducir o novo académico cunha laudatio na que trazou os puntos esenciais dunha carreira definida polo equilibrio entre a xestión sanitaria, o rigor científico e unha marcada sensibilidade humanística. Entre os aspectos máis salientados figurou o traballo sostido de Diego Conde ao longo de máis de vinte anos en programas orientados a controlar e eliminar patoloxías gandeiras con repercusión directa na saúde da poboación, entre elas zoonoses de tanto peso como a tuberculose ou a brucelose. Recoñeceuse igualmente a súa contribución desde Tragsatec, empresa integrada no Grupo Tragsa, así como a súa capacidade para achegarse á sanidade animal desde ángulos diversos, con especial atención á epidemioloxía, ao tratamento e análise de datos e á incorporación de novas tecnoloxías no ámbito veterinario.

Ourensán de orixe, Diego Conde Gómez é doutor en Veterinaria e forma parte como investigador do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese, presentada en 2013, abordou a figura de Juan Rof Codina e o papel que desempeñou a veterinaria na modernización gandeira e sanitaria da Galicia do século XX. Á súa obra científica e ensaística súmase o recoñecemento institucional: é Académico Correspondente tanto da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España, desde 2018, como da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, desde 2025. En 2022 recibiu o Premio Nacional Cayetano López y López polo seu traballo sobre a chamada Idade de Prata da veterinaria española.

A incorporación á Real Academia de Medicina de Galicia engade un novo chanzo a unha traxectoria que leva anos transitando pola confluencia entre a sanidade animal, a historia da profesión e o debate sobre o seu lugar no sistema de saúde. Da súa intervención quedou unha reflexión de fondo: mentres a veterinaria non sexa recoñecida de xeito pleno como un eixo estratéxico da saúde pública, e mentres a súa voz non teña o peso que lle corresponde dentro do enfoque One Health, calquera política sanitaria moderna estará incompleta.