A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos. Xornada organizada xunto co CGG.

 Santiago 3 de abril de 2019


 
 Foto Consello da Cultura de Galicia


Noticia extracto do CCG.

Vespertina, vespa asiática, velutina…son moitas as denominacións para referirse a este insecto invasor que está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Expertos e científicos que levan tempo analizando e investigando o seu comportamento xuntáronse no Consello da Cultura Galega para coñecer o estado da cuestión e tentar poñer solucións enriba da mesa. 

A xornada foi inaugurada pola presidenta do Consello da Cultura de Galicia, Rosario Álvarez; o presidente da FEGAMP, Alfredo Díaz e Antonio Crespo, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. 

 

En Galicia vívese con preocupación a propagación da Vespa velutina, coñecida como “Vespa asiática”, pois este insecto invasor está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Desde a súa chegada ás nosas vidas, a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (ACVG) foi sensible ás necesidades da sociedade fronte a esta avéspora invasora, pois os veterinarios son responsables da saúde e benestar das abellas e a Vespa velutina é unha cazadora masiva delas. O Consello da Cultura Galega tampouco permaneceu alleo ao problema, tanto pola obriga de protección do patrimonio natural e a necesidade de garantir o dereito de todos a recibir os beneficios do progreso das ciencias e das súas aplicacións, coma polo feito de entender que a acción cultural debe atinxir as múltiples facetas da vida humana e das sociedades, tal e como indica a lei de creación desta institución.

Os expertos e expertas salientan a necesidade de afrontarmos de xeito efectivo as dimensións e os conflitos sociais inherentes á investigación e xestión da invasiva Vespa velutina, esa preocupante descoñecida. O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade vén realizando un importante labor de divulgación científica coa publicación de libros, a elaboración de recursos e a organización de encontros que contribúen a poñer de manifesto o diálogo entre as dúas culturas, como as acuñou C. P. Snow. E nesa liña se inscribe esta xornada: a ciencia que non se divulga á sociedade é coma se non existise.
A Vespa velutina en Galicia: estado da cuestión e avances científicos, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, será un espazo de encontro entre o ámbito da investigación científica, os apicultores e os axentes involucrados na loita contra a especie invasora, para intercambiar información e para tentar responder de forma autorizada e matizada as preguntas do mundo real en relación coa ameaza da Vespa velutina.

 
Foto CCG

Programa:

09:45 horas
Inauguración
10:15 horas
Intelixencia artificial aplicada á monitorización da distribución espacio-temporal de pragas. A plataforma VeluMap
Luis Rodríguez Lado, doutor en Bioloxía e xerente de GEOFORSK
11:00 horas
A Vespa velutina en Galicia: a necesidade de avances no campo científico
Xesús Feás, Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
11:45 horas
Pausa
12:00 horas
Mesa redonda
Modera: Antonio Crespo Iglesias, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
Xesús Asorey Martinez, Asociación Galega de Apicultura, AGA
Mª Esther Ordóñez Dios, Agrupación Apícola de Galicia
Representante Asociación Apícola Abellas Nais
Xesús Feás, Académico Correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia 

 
As conferencias, así como o relatorio do acto, están a disposición no seguinte enderezo do CONSELLO DA CULTURA DE GALICIA.