INAUGURADO O CURSO ACADÉMICO 2016

A sesión  de inauguración do curso académico 2016 celebrouse o 28 de xaneiro de 2016.
Ao acto inaugural, celebrado no salón de actos da EGAP en Santiago de Compostela, asistiron entre outras autoridades a Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Dna. Ángeles Vázquez Mejuto e o Secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia  D. José Alberto Díez de Castro
Abriu a solemne sesión o Presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, D. José Luis Factor, cunhas palabras de benvida e presentación.
A continuación deuse lectura da memoria de actividades do curso académico 2015, pola Sra. Secretaria da Academia, Dña. María Patrocinio Morrondo.
 
CONFERENCIA INAUGURAL
A conferencia maxistral de inauguración do curso titulada “Organización Veterinaria” correu a cargo de  D. Antonio Crespo Iglesias, Director Xeral de Desenvolvemento Rural e Académico de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
A excelente exposición fixo un percorrido da profesión veterinaria ao longo da historia cunha análise pormenorizada da importancia da profesión veterinaria nas distintas civilizacións e sociedades para chegar ao momento actual en Galicia. Para rematar facendo profundas reflexións do momento da profesión veterinaria e albiscando propostas de futuro para un bo desenvolvemento das potencialidades da veterinaria galega.
 ENTREGA DE GALARDÓNS
Entrega do Diploma ao mellor expediente académico do Grao de Veterinaria en Galicia, do curso 2014/2015

O Premio ao Mellor Expediente Académico da Licenciatura de Veterinaria en Galicia da Universidade de Santiago de Compostela en 2014-15 correspondeu a Dna.  Susana Remesar Alonso, que recibiu o Diploma acreditativo de mans do Secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia  D. José Alberto Díez de Castro, e a continuación deu unhas emotivas palabras de agradecemento e de compromiso coa profesión veterinaria.
INTERVENCIÓN DA CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL XG
Ángeles Vázquez sinalou que a prioridade do seu departamento é manter e mellorar o nivel sanitario das explotacións gandeiras, posto que iso “redunda nunha vantaxe competitiva importante para a comercialización dos seus produtos”. Neste senso, agradeceu o labor dos veterinarios, “fundamental no noso día a día”, posto que neles recae a responsabilidade de desenvolver os procesos axeitados para mellorar, consolidar e soster os niveis sanitarios das explotacións gandeiras, á vez que controlan a calidade e a seguridade das producións.
Pola súa parte, destacou que a Consellería do Medio Rural desenvolve diversos programas de erradicación, loita e control de enfermidades animais que xa permitiron diminuír a incidencia dalgunha destas enfermidades a límites próximos a valores de erradicación. Exemplo disto, continuou, son os programas da erradicación da tuberculose e da brucelose bovina, das encefalopatías esponxiformes transmisíbeis (EETs), da brucelose ovina e caprina, o plan sanitario do sector porcino ou avícola e a loita contra as enfermidades apícolas. Sobre estas últimas, Ángeles Vázquez lembrou que se incrementaron nun 11% as axudas establecidas no marco do Plan Nacional Apícola, como medida de apoio que axude a paliar os danos ocasionados polas distintas enfermidades e a presenza da vespa velutina.
Na súa intervención, a conselleira explicou que esta seguridade nas explotacións gandeiras repercute directamente na seguridade alimentaria. As actuacións nesta área, dixo, desenvólvense en cinco ámbitos distintos pero todos eles relacionados. En primeiro lugar está o control da alimentación animal, coa elaboración do Plan Anual de Controis da Alimentación Animal en Galicia. Seguidamente, desenvólvense actuacións no ámbito do Plan Nacional de Investigación de Residuos (PNIR), en coordinación con Saúde Pública. O terceiro ámbito de actuación é o relativo aos medicamentos veterinarios, sendo a cuarta liña a da calidade do leite para o control de células somáticas, bacterioloxía e inhibidores. Por último, a seguridade alimentaria pasa polo control dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (Sandach). Todos estes controis, subliñou a titular de Medio Rural, son imprescindibles para conseguir unha produción de alimentos de calidade diferenciada que satisfagan a demanda dun mercado plural, esixente e competitivo. Ángeles Vázquez recordou que a produción agropecuaria representa o activo principal da actividade económica rural, medida tanto en termos de Produto Interior Bruto (PIB) como en emprego, de aí que “resulta un elemento clave na fixación da poboación no rural”.
REMATE
A clausura da sesión inaugural correu a cargo do presidente da Academia, que antes de dar por inaugurado o curso, agradeceu a todos os académicos polo labor desenvolvido en pro da institución. Por último, adiantou que para o curso 2016 están programadas numerosas actividades académicas e animou á participación dos académicos para desenvolver todo tipo de actividades en favor da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.