SESIÓN PÚBLICA DE TOMA DE POSESIÓN DE DIEGO CONDE GÓMEZ DA CADEIRA Nº23 DE ACADÉMICO CORRESPONDENTE DA ACVG.23.01.2025

Diego Conde Gómez, doutor en Veterinaria e investigador en Historia da Veterinaria, tomou posesión esta tarde do cadeira nº 23 de académico correspondente nacional da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela.

No seu discurso, titulado "Eppur si muove. Novas achegas á Historia da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela (1882-1924)", Conde presentou unha investigación exhaustiva que achega luz sobre a historia da Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela no período comprendido entre 1882 e 1924. O seu traballo revela datos inéditos sobre a actividade académica e científica da institución nas súas dúas sedes: primeiro no Colexio de San Clemente e, a partir de 1915, no Pazo do Hórreo, actual sede do Parlamento de Galicia.

O estudo demostra que, a pesar das dificultades estruturais e das continuas ameazas de peche, a Escola tivo un papel crucial na modernización do sector agropecuario galego. Conde subliñou que esta institución non só formou profesionais veterinarios, senón que tamén desempeñou un papel destacado na investigación e na transferencia tecnolóxica, aspectos ata o de agora pouco coñecidos.

Ademais, reivindicou o legado do seu profesorado e alumnado, destacando figuras como Abelardo Gallego Canel, pioneiro da Histoloxía Veterinaria en España; o inspector de Hixiene Pecuaria Juan Rof Codina; e Cruz Gallástegui Unamuno, impulsor da Misión Biolóxica de Galicia.

A sesión contou coa réplica do académico numerario Dr. Alberto Portela, quen destacou a relevancia do traballo de Conde Gómez na recuperación do patrimonio histórico veterinario da comunidade galega.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

Diego Conde Gómez (Ourense, 1977) é doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela desde 2013, cunha tese sobre o papel de Juan Rof Codina na veterinaria e na mellora pecuaria na Galicia contemporánea, coa que obtivo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude.

É membro do Grupo de Investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) e do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias na Facultade de Veterinaria de Lugo, ademais de membro fundador da Asociación de Historia Veterinaria Galega (HISVEGA).

Publicou varios libros e traballos de investigación, entre os que destacan "Os animais domésticos na Historia de Galicia" (2008), finalista nos Premios AGE, e "Canto val unha vaca?" (2013), galardoado co Premio Manuel Murguía de Ensaio. Así mesmo, a súa obra sobre Juan Rof Codina valeulle en 2015 o Premio Jesús García Calvo e foi finalista nos Premios da Crítica de Galicia.

Académico correspondente da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España desde 2018, obtivo premios como o Nacional Cayetano López y López (2022) e o de mellor comunicación no XXVII Congreso Nacional de Historia da Veterinaria. Actualmente, con máis de 22 anos de experiencia en sanidade animal, traballa como Xefe de Grupo de Actuacións e Proxectos en Tragsatec.